Sunday 05 de May de 2024

O Concello de Fene intensifica o labor de desinfección nos espazos públicos


Suspéndese a recollida de voluminosos mentres dure a situación de alarma sanitaria
O coronavirus ten unha alta capacidade de transmisión e pode permanecer activo ata 24 horas en superficies coma o cartón e incluso chegar aos tres días sobre plástico ou metais. Esa é a razón de que o Concello de Fene estea dirixindo ás tarefas de desinfección unha parte importante dos recursos humanos e materiais da área de Obras e Servizos, que tamén se encarga da recollida diaria do lixo e do plan de limpeza intensivo que se está levando a cabo no mobiliario urbano e nos lugares máis transitados de todo o municipio. De cara a optimizar os medios dispoñibles dedicándoos a eses traballos esenciais, o departamento decidiu suspender a recollida de voluminosos a partir da semana que vén e pídelle á veciñanza que, xa desde hoxe, non deixe na rúa este tipo de resíduos.

A decisión está motivada, ademais, en que a planta de clasificación e tratamento deste tipo de materiais reduciu a súa actividade por mor das novas restricións sanitarias e, en consecuencia, o Concello non pode garantir un proceso de reciclaxe axeitado.

Hoxe mércores e máis mañá xoves farase a recollida prevista, pero a partir da semana que vén o servizo interromperase durante o tempo que se manteña o Estado de Alarma. A mensaxe que se lanza desde a Concellaría de Obras e Servizos é clara: que ninguén saque á rúa os seus voluminosos.

O departamento tamén adianta que, unha vez se recupere a normalidade, se acometerá unha campaña de concienciación entre a veciñanza e pequenos negocios “para evitar que se sigan deixando ao pé dos colectores outro tipo de resíduos que non son exactamente voluminosos”, tal e como indica a responsable da área Mar Piñeiro, quen engade que a apertura do Punto Limpo de Vilar do Colo “é algo que Fene e o resto de concellos implicados debemos asumir como prioridade inmediata tan pronto superemos esta crise”.

Reforzo das limpezas e desinfeccións
Desde a área de Obras e Servizos tamén informan que a brigada municipal -reforzada de maneira excepcional con cinco novos operarios- está facendo en colaboración con Protección Civil labores diarios de limpeza e desinfección en todos os barrios do centro urbano e nas zonas rurais.

O traballo abrangue o varrido de beirarrúas e a aplicación de desinfectante no mobiliario público -papeleiras, colectores do lixo, marquesinas, varandas, etc.-, así como nos lugares máis frecuentados: casa consistorial, centro de saúde, supermercados, farmacias e outros establecementos comerciais repartidos polas oito parroquias do municipio.

O Goberno local insiste en que se adopten todas as medidas preventivas individuais para reducir as posibilidades de contaxios. A veciñanza debe permanecer na casa e saír só para o imprescindible -facer compra (planificala ben antes de saír), ir á farmacia ou acudir ao médico se se ten cita previa-. Na vía pública e nos establecementos comerciais débese manter unha distancia de 1,5 a 2 metros con respecto a outras persoas. Hai que lavar ben as mans e evitar refregar os ollos e o nariz se non están perfectamente limpa. Tamén é importante tusir ou esbirrar en panos desbotables e, se non se teñen á man, contra a parte interior do cóbado.

O Concello tamén recomenda usar luvas cando se vaia tirar o lixo nos colectores e pídese que as bolsas se metan no seu interior en vez de deixalas no chan. Ademais tamén fai un chamamento para que se faga un uso racional do servizo de recollida mentres se manteña o Estado de Alarma